|
Manuel Rivas,
o autor deste conto

(A Coruña, 1957). Escritor e xornalista. Colabora desde a súa
adolescencia en diversos medios de comunicación. Como poeta publicou
entre outras as seguintes obras: Libro
do Entroido
(1979); Balada nas praias
do Oeste (1985); Mohicania (1987); Ningún
cisne
(1989). Como ensaísta publicou Galicia, el bonsai atlántico
(1989), No mellor país do mundo (1991), Toxos e flores
(1992) e El periodismo es un cuento (1998). A súa obra narrativa
-composta de novelas, novelas curtas e relatos breves- está formada
polos seguintes títulos: Todo ben (1985); Un
millón de vacas (1989), Premio da Crítica Española, 1990; Os
comedores de patacas (1991); En salvaxe compaña (1994),
Premio da Crítica;
¿Que me queres, amor? (1995), Premio Torrente Ballester de
Narrativa e Premio Nacional de Narrativa 1996; O lapis do
carpinteiro
(1998), Premio da Crítica Española, Premio da Asociación de Escritores en
Lingua Galega e Premio Arcebispo Xoán de San Clemente; Ela, maldita
alma (1999); A man dos paíños (2000). Como narrador, está
traducido a diversas linguas.
"A lingua das bolboretas" (conto que forma
parte de "¿Que me queres, amor?") foi levado ó cine na película do
mesmo nome.
Manuel Rivas di nunha reportaxe::"....
O cine exerce un gran feitizo sobre min, en parte creo que os meus
sentidos -e da xente da miña xeración-, quero dicir a sensibilidade, a
percepción e incluso a maneira de escribir, todo isto non é nada alleo a
ese mundo. É como ver o que intentei dicir coa literatura no cine. Eu xa
fixera estas películas na miña mente e ver o resultado filmado foi moi
emocionante. Do cine admiro o valor de facer unha película, porque é
unha maquinaria moi complexa. De rapaz soñei con ser director de cine ou
facer películas. Despois vin que é moito máis doado ser escritor. O cine
é dificilísimo, tamén por cuestións económicas. Nunha historia escrita
podo facer aparecer dez cabalos; nunha película isto xa se converte nun
asunto bastante custoso. En fin, creo que "A lingua das bolboretas" é un
filme moi logrado. Conseguín velo como un espectador máis e encantoume"

Imaxes da película








 |
A LINGUA DAS BOLBORETAS (TEXTO COMPLETO)
"¿Qué hai, Pardal? Espero que este ano poidamos ver por fin a lingua das
bolboretas".
O mestre agardaba desde había tempo que lle enviaran un microscopio aos
da Instrucción pública. Tanto nos falaba de cómo se agrandaban as cousas
miúdas é invisibles por aquel aparato que os nenos chegabamos a velas de
verdade, como se as súas verbas entusiastas tiveran o efecto de
poderosas lentes.
"A lingua da bolboreta é unha trompa enroscada como un resorte de
reloxo. Se hai unha flor que a atrae, desenrólaa e métea no cáliz para
zugar. Cando levades o dedo humedecido a un tarro de azucre, ¿a que
sentides xa o doce na boca como se a xema fora a punta da lingua? Pois
así é a lingua da bolboreta".
E entón todos tíñamos envexa das bolboretas. Que marabilla. Ir polo
mundo voando, con eses traxes de festa, e parar en flores como tabernas
con bocois cheos de xarope.
Eu quería moito a aquel mestre. Ao principio, os meus pais non podían
crelo. Quero dicir que non podían entender como eu quería ao meu mestre.
Cando era un picariño, a escola era unha ameaza terrible. Unha palabra
que cimbraba no aire como unha vara de vimbio.
"¡Xa verás cando vaias á escola!"
Dous dos meus tíos, como moitos outros mozos, emigraran a América por
non ir de quintos á guerra de Marrocos. Pois ben, eu tamén soñaba con ir
a América só por non ir á escola. De feito, había historias de nenos que
fuxían ao monte para evitar aquel suplicio. Aparecían aos dous ou tres
días, aterecidos e sen fala, como desertores do Barranco do Lobo.
Eu ía para seis anos e chamábanme todos Pardal. Outros nenos da miña
idade xa traballaban. Pero o meu pai era xastre e non tiña terras nin
gando. Prefería verme lonxe que non enredando no pequeno taller de
costura. Así pasaba grande parte do día a corricar pola Alameda, e foi
Cordeiro, o recolledor de lixo e follas secas, o que me puxo o alcume.
"Pareces un pardal".
Creo que nunca corrín tanto como aquel verán anterior ao ingreso na
escola. Corría como un tolo e ás veces sobrepasaba o linde da Alameda e
seguía lonxe, coa mirada posta na cima do monte Sinaí, coa ilusión de
que algún día me sairían ás e podería chegar a Bos Aires. Pero xamais
sobrepasei aquela montaña máxica.
"¡Xa verás cando vaias á escola!"
O meu pai contaba como un tormento, como se lle arrincara as amígdalas
coa man, a maneira en que y mestre lles arrincaba a gheada da fala para
que non dixeran aghua nin ghato nin ghracias. "Todas as mañás tiñamos
que dicir a frase Los pájaros de Guadalajara tienen la garganta llena de
trigo. ¡Moitos paos levamos por culpa de Ghuadalagara!" Se de verdade
quería meterme medo, conseguiuno. A noite da véspera non durmín.
Encollido na cama, escoitaba o reloxo de parede na sala coa anguria dun
condenado. O día chegou cunha claridade de mandil de carniceiro. Non
mentiría se lle dixera aos meus pais que estaba enfermo.
O medo, como un rato, roíame os adentros.
E mexeime. Non me mexei na cama senón na escola.
Recórdoo moi ben. Pasaron tantos anos e aínda sinto unha humidade cálida
e vergoñenta escorregando polas pernas. Estaba sentado no derradeiro
pupitre, medio agachado coa esperanza de que ninguén se decatara da miña
existencia, ata poder saír e botar a voar pola Alameda.
"A ver, vostede, ¡póñase en pé!"
O destino sempre avisa. Levantei os oílos e vin con espanto que a orde
ía por min. Aquel mestre feo como un bicho sinalábame coa regra. Era
pequena, de madeira, pero a min pareceume a lanza de Abd el-Krim.
"¿Cal é o seu nome?"
"Pardal".
Todos os nenos riron a gargalladas. Sentín como se me bateran con latas
nas orellas.
"¿Pardal?"
Non recordaba nada. Nin o meu nome. Todo o que eu fora ata entón
desaparecera da miña cabeza. Os meus pais eran dúas figuras borrosas que
se esvaían na memoria. Mirei cara ao ventanal, buscando con anguria as
árbores da alameda.
E foi entón cando me mexei.
Cando se decataron os outros rapaces, as gargalladas aumentaron e
resoaban como trallazos.
Fuxín. Botei a correr como un toliño con ás. Corría, corría como só se
corre en soños e vén tras dun o Sacaúntod. Eu estaba convencido de que
iso era o que facía o mestre. Vir tras de min. Podía sentir o seu alento
no pescozo e o de todos os nenos, como matilla de cans á caza dun
raposo. Pero cando cheguei á altura do palco da música e mirei cara a
atrás, vin que ninguén me seguira, que estaba só co meu medo, empapado
de suor e mexos. O palco estaba baleiro. Ninguén parecía reparar en min,
pero eu tiña a sensación de que toda a vila estaba a disimular, que
ducias de ollos censuradores axexaban nas fiestras, e que as linguas
murmuradoras non tardarían en levarlle a nova aos meus pais. As pernas
decidiron por min. Camiñaron cara ao Sinaí cunha determinación
descoñecida ata entón. Esta vez chegaría ata A Coruña e embarcaría de
polisón nun deses navíos que levan a Bos Aires.
Desde o cume do Sinaí non se vía o mar senón outro monte máis grande
aínda, con penedos recortados como torres dunha fortaleza inaccesible.
Agora recordo cunha mestura de asombro e saudade o que fun quen de facer
aquel día. Eu só, no cumio, sentado en cadeira de pedra, baixo as
estrelas, mentres no val se movían como vagalumes os que con candil
andaban á miña procura. O meu nome cruzaba a noite ao lombo dos ouveos
dos cans. Non estaba abraiado. Era como se atravesara a liña do medo.
Por iso non chorei nin me resistín cando chegou onda min a sombra rexa
de Cordeiro. Envolveume co seu chaquetón e colleume no colo. "Tranquilo
Pardal, xa pasou todo".
Durmín como un santo aquela noite, pegadiño á nai. Ninguén me rifara. O
meu pai ficara na cociña, fumando en silencio, cos cóbados sobre o
mantel de hule, as cobichas amoreadas no cinceiro de cuncha de vieira,
tal como pasara cando morrera a avoa.
Tiña a sensación de que a miña nai non me soltara a man en toda a noite,
Así me levou, collido como quen leva un seirón, na miña volta é escola.
E nesta ocasión, co corazón sereno, puiden fixarme por vez primeira no
mestre. Tiña a cara dun sapo.
O sapo sorría. Beliscoume a meixela con agarimo. "¡Gústame ese nome,
Pardal !". E aquel belisco feriume como un doce de café. Pero o máis
increible foi cando, no medio dun silencio absoluto, me levou da man
cara á súa mesa e sentoume na súa cadeira. E ficou de pé, colleu un
libro e dixo:
"Temos un novo compañeiro. É unha alegría para todos e imos recibilo cun
aplauso". Pensei que me ía mexar de novo polos pantalóns, pero só notei
unha humidade nos ollos. "Ben, e agora, imos comezar cun poema. ¿A quen
lle toca? ¿Romualdo? Veña, Romualdo, achégate. Xa sabes, a modiño e en
voz ben alta".
A Romualdo os pantalóns curtos quedábanlle ridículos. Tiña as pernas moi
longas e mouras, cos xeonllos cheos de feridas.
Una tarde parda y fría...
"Un momento, Romualdo, ¿qué é o que vas ler?"
"Una poesía, señor".
"¿E como se titula?"
"Recuerdo infantil. O seu autor é don Antonio Machado".
"Moi ben, Romualdo, adiante. A modiño e en voz alta. Repara na
puntuación".
O chamado Romualdo, a quen eu coñecía de carrexar sacos de piñas como
neno que era de Altamira, carraspeu como un vello fumador de picadura e
leu cunha voz incrible, espléndida, que parecía saída da radio de Manolo
Suárez, o indiano de Montevideo.
Una tarde parda y fría
de invierno. Los colegiales
estudian. Monotonía
de lluvia tras los cristales.
Es la clase. En un cartel
se representa a Caín
fugitivo, y muerto Abel,
junto a una mancha carmín...
"Moi ben. ¿Qué significa monotonía de lluvia, Romualdo?", preguntou o
mestre.
"Que chove despois de chover, don Gregorio".
"¿Rezaches?", preguntou mamá, mentres pasaba o ferro pola roupa que papá
cosera durante o día. Na cociña, a pota da cea despedía un arrecendo
amargo de nabiza.
"Pois si", dixen eu non moi seguro. "Unha cousa que falaba de Caín e
Abel".
"Iso está ben", dixo mamá. "Non sei por que din que ese novo mestre é un
ateo".
"¿Qué é un ateo?"
"Alguén que di que Deus non existe". Mamá fixo un aceno de desagrado e
pasou o ferro con enerxía polas engurras dun pantalón.
"¿Papá é un ateo?"
Mamá posou o ferro e miroume fite.
"¿Cómo vai ser papá un ateo? ¿Cómo se che ocorre preguntar esa parvada?"
Eu escoitara moitas veces a meu pai blasfemar contra Deus. Facíano todos
os homes. Cando algo ía mal, cuspían no chan e dicían esa cousa tremenda
contra Deus. Dicían as dous cousas: Cagho en Deus, cagho no Demo.
Parecíame que só as mulleres crían de verdade en Deus.
"¿E o Demo? ¿Existe o Demo?"
"¡Por suposto!"
O fervor facía bailar a tapa da pota. Daquela boca mutante saían
bafaradas de vapor e gargallos de escuma e verza. Unha avelaíña revoaba
no teito arredor da lámpada eléctrica que colgaba do cable trenzado.
Mamá estaba enfurruñada como cada vez que tiña que pasar o ferro. A súa
cara tensábase cando marcaba a raia das perneiras. Pero agora falaba nun
ton suave e algo triste, como se se referira a un desvalido.
"O Demo era un anxo, pero fíxose malo".
A avelaíña bateu contra a lámpada, que abaneou lixeiramente e desordenou
as sombras.
"O mestre dixo hoxe que as bolboretas tamén teñen lingua, unha lingua
finiña e moi longa, que levan enrolada como o resorte dun reloxo.
Váinola ensinar cun aparato que lle teñen que mandar de Madrid. ¿A que
parece mentira iso de que as bolboretas teñan lingua?"
"Se el o di, é certo. Hai moitas cousas que parecen mentira e son
verdade. ¿Gustouche a escola?"
"Moito. E non pega. O mestre non pega".
Non, o mestre don Gregorio non pegaba. Pola contra, case sempre sorría
coa súa cara de sapo. Cando dous pelexaban no recreo, el chamábaos,
"parecedes carneiros", e facía que se deran a man. Logo, sentábaos no
mesmo pupitre. Así foi como fixen o meu mellor amigo, Dombodán, grande,
bondadoso e torpe. Había outro rapaz, Eladio, que tiña un lunar na
meixela, no que mallaría con gusto, pero nunca o fixen por medo a que o
mestre me mandara darlle a man e que me cambiara de xunto a Dombodán. O
xeito que tiña don Gregorio de mostrar un grande enfado era o silencio.
"Se vós non calades, terei que calar eu".
E ía cara ao ventanal, coa mirada ausente, perdida no Sinaí. Era un
silencio prolongado, desacougante, como se nos deixara abandonados nun
estraño país. Sentín pronto que o silencio do mestre era o peor castigo
imaxinable. Porque todo o que tocaba era un conto engaiolante. O conto
podía comezar cunha folla de papel, despois de pasar polo Amazonas e a
sístole e diástole do corazón. Todo enfiaba, todo tiña sentido. A herba,
a ovella, a la, a miña friaxe. Cando o mestre se dirixía ao mapamundi,
ficabamos atentos como se se iluminara a pantalla do cine Rex. Sentiamos
o medo dos indios cando escoitaron por vez primeira o rincho dos cabalos
e o estoupido do arcabuz. Iamos ao lombo dos elefantes de Aníbal de
Cartago polas neves dos Alpes, camiño de Roma. Loitamos con paos e
pedras en Ponte Sampaio contra as tropas de Napoleón. Pero non todo eran
guerras. Faciamos fouces e rellas de arado nas ferrerías do Incio.
Escribimos cancioneiros de amor en Provenza e no mar de Vigo.
Construímos o Pórtico da Gloria. Plantamos as patacas que viñeran de
América. E a América emigramos cando veu a peste da pataca.
"As patacas viñeron de América", díxenlle á miña nai no xantar, cando
deitou o prato diante miña.
"¡Que ían vir de América! Sempre houbo patacas", sentenciou ela.
"Non. Antes comíanse castañas. E tamén veu de América o maínzo". Era a
primeira vez que tiña clara a sensación de que, gracias ao mestre, sabía
cousas importantes do noso mundo que eles, os pais, descoñecían.
Pero os momentos máis fascinantes da escola eran cando o mestre falaba
dos bichos. As arañas de auga inventaban o submarino. As formigas
coidaban dun gando que daba leite con azucre e cultivaban cogomelos.
Había un paxaro en Australia que pintaba de cores o seu niño cunha
especie de óleo que fabricaba con pigmentos vexetais. Nunca me
esquecerei. Chamábanse o tilonorrinco. O macho puña unha orquídea no
novo niño para atraer á femia.
Tal era o meu interese que me convertín no subministrador de bichos de
don Gregorio e el acolleume como o mellor discípulo. Había sábados e
festivos que pasaba pola miña casa e íamos xuntos de excursión.
Percorriamos as beiras do río, as gándaras, a fraga, e subiamos ao monte
Sinaí. Cada viaxe desas era para min como unha rota do descubrimento.
Volvíamos sempre cun tesouro. Unha mantis. Un cabaliño do demo. Un
escornabois. E unha bolboreta distinta de cada vez, aínda que eu só
recorde o nome dunha é que o mestre chamou Iris, e que brillaba
fermosísima pousada na lama ou no esterco.
De regreso, cantabamos polas corredoiras como dous vellos compañeiros.
os luns, na escola, o mestre dicía: "E agora imos falar dos bichos de
Pardal".
Para os meus pais, esas atencións do mestre eran unha honra. Aqueles
días de excursión, a miña nai preparaba a merenda para os dous. "Non fai
falta, señora, eu xa vou comido", insistía don Gregorio. Pero á volta,
dicía: "Gracias, señora, exquisita a merenda".
"Estou segura de que pasa necesidades", dicía a miña nai pola noite.
"Os mestres non gañan o que tiñan que gañar", sentenciaba, con sentida
solemnidade, o meu pai. "Eles sons as luces de República".
"¡A República, a República! ¡Xa veremos onde vai parar a República!"
O meu pai era republicano. A miña nai, non. Quero dicir que a miña nai
era de misa diaria e os republicanos aparecían como inimigos da Igrexa.
Procuraban non discutir cando eu estaba diante, pero ás veces
sorprendíaos.
"¿Qué tes ti contra Azaña? Esa é cousa do cura, que vos anda quentando a
cabeza".
"Eu á misa vou rezar", dicía a miña nai.
"Ti, si, pero o cura non".
Un día que don Gregorio veu recollerme para ir buscar bolboretas, o meu
pai díxolle que, se non tiña inconveniente, lle gustaría tomarlle as
medidas para un traxe".
O mestre mirou arredor con desconcerto.
"É o meu oficio", dixo o meu pai cun sorriso.
"Respecto moito os oficios", dixo por fin o mestre.
Don Gregorio levou posto aquel traxe durante un ano e levábao tamén
aquel día de xullo de 1936 cando se cruzou comigo na alameda, camiño do
concello.
"¿Qué hai, Pardal? A ver se este ano podemos verlles por fin a lingua ás
bolboretas".
Algo estraño estaba a suceder. Todo o mundo parecía ter présa, pero non
se movía. Os que miraban para a dereita, viraban cara á esquerda.
Cordeiro, o recolledor de lixo e follas secas, estaba sentado nun banco,
preto do palco da música. Eu nunca vira sentado nun banco a Cordeiro.
Mirou cara a arriba, coa man de viseira. Cando Cordeiro miraba así e
calaban os paxaros era que viña unha treboada.
Sentín o estrondo dunha moto solitaria. Era un garda cunha bandeira
suxeita no asento de atrás. Pasou diante de concello e mirou cara aos
homes que conversaban inquedos no porche. Berrou: "¡Arriba España!" E
arrincou de novo a moto deixando atrás un ronsel de estalos.
As nais comezaron a chamar polos nenos. Na casa, parecía ter morto outra
vez a avoa. O meu pai amoreaba cobichas no cinceiro e a miña nai choraba
e facía cousas sen sentido, como abrir a billa de auga e lavar os pratos
limpos e gardar os sucios.
Petaron á porta e os meus pais miraron o pomo con desacougo. Era Amelia,
a veciña, que traballaba na casa de Suárez, o indiano.
"¿Sabedes o que está pasando? Na Coruña os militares declararon o estado
de guerra. Están disparando contra o Goberno Civil".
"¡Santo ceo!", persignouse a miña nai.
"E aquí", continuou Amelia en voz baixa, como se as paredes oíran,
"disque o alcalde chamou ao capitán de carabineiros pero que este mandou
dicir que estaba enfermo".
Ao día seguinte non me deixaron saír á rúa. Eu miraba pola fiestra e
todos os que pasaban me parecían sombras encollidas, como se de súpeto
caera o inverno e o vento arrastrara aos pardais da Alameda como follas
secas.
Chegaron tropas da capital e ocuparon o concello. Mamá saíu para ir á
misa e volveu pálida e tristeira, como se se fixera vella en media hora.
"están pasando cousas terribles, Ramón", oín que lle dicía, entre
saloucos, ao meu pai. Tamén el envellecera. Peor aínda. Parecía que
perdera toda vontade. Esfondárse nun sillón e non se movía. Non falaba.
Non quería comer.
"Hai que queimar as cousas que te comprometan, Ramón. Os periódicos, os
libros. Todo".
Foi a miña nai a que tomou a iniciativa aqueles días. Unha mañá fixo que
o meu pai se arregrara ben e levouno con ela á misa. Cando voltaron,
díxome: "Veña, Moncho, vas vir connosco á alameda". Tróuxome a roupa de
festa e, mentres me axudaba a anoar a gravata, díxome en voz moi grave:
"Recorda isto, Moncho. Papá non era republicano. Papá non era amigo do
alcalde. Papá non falaba mal dos curas. E outra cousa moi importante,
Moncho. Papá non lle regalou un traxe ao mestre".
"Si que llo regalou".
"Non, Moncho. Non llo regalou. ¿Entendiches ben? ¡Non llo regalou!".
Había moita xente na Alameda, toda con roupa de domingo. Baixaran tamén
algúns grupos das aldeas, mulleres enloitadas, paisanos vellos de
chaleco e sombreiro, nenos con aire asustado, precedidos por algúns
homes con camisa azul e pistola ao cinto. Dúas fileiras de soldados
abrían un corredor desde a escalinata do concello ata uns camións con
remolque atoldado, como os que se usaban para transportar o gando na
feira grande. Pero na alameda non había o balbordo das feiras senón un
silencio grave, de Semana Santa. A xente non se saudaba. Nin sequera
parecían recoñecerse os uns aos outros. Toda a atención estaba posta na
fachada do concello.
Un garda entreabriu a porta e percorreu o xentío coa mirada. Logo abriu
de todo e fixo un aceno co brazo. Da boca escura do edificio, escoltados
por outros gardas, saíron os detidos, ían atados de mans e pés, en
silente cordada. Dalgúns non sabía o nome, pero coñecía todos aqueles
rostros. O alcalde, os dos sindicatos, o bibliotecario do ateneo
Resplandor Obreiro, Charli, o vocalista da orquestra Sol e Vida, o
canteiro a quen chamaban Hércules, pai de Dombodán... E ao cabo da
cordada, chepudo e feo como un sapo, o mestre.
Escoitáronse algunhas ordes e berros illados que resoaron na Alameda
como petardos. Pouco a pouco, da multitude foi saíndo un ruxe-ruxe que
acabou imitando aqueles alcumes.
"¡Traidores! ¡Criminais! ¡Roxos!"
"Berra ti tamén, Ramón, polo que máis queiras, ¡berra!". A miña nai
levaba collido do brazo a papá, como se o suxeitara con toda a súa forza
para que non desfalecera. "¡Que vexan que berras, Ramón, que vexan que
berras!"
E entón oín como o meu pai dicía "¡Traidores!" cun fío de voz. E logo, a
cada vez máis forte, "¡Criminais! ¡Roxos!" Soltou do brazo á miña nai e
achegouse máis á fileira dos soldados, coa mirada enfurecida cara ao
mestre. "¡Asasino! ¡Anarquista! ¡Comenenos!"
Agora mamá trataba de retelo e tiroulle da chaqueta discretamente. Pero
el estaba fóra de si. "¡Cabrón! ¡Fillo de mala nai" Nunca lle escoitara
chamar iso a ninguén, nin sequera ao árbitro no campo de fútbol. "A súa
nai non ten a culpa, ¿eh, Moncho?, recorda iso". Pero agora volvíase
cara a min entolecido e empuxábame coa mirada, os ollos cheos de bágoas
e sangue. "¡Bérralle ti tamén, Monchiño, bérralle ti tamén!"
Cando os camións arrincaron cargados de presos, eu fun un dos nenos que
corría detrás lanzando pedras. Buscaba con desespero o rostro do mestre
para chamarlle traidor e criminal. Pero o convoi era xa unha nube de po
ao lonxe e eu, no medio da alameda, cos puños pechado, só fun capaz de
murmurar con rabia: "¡Sapo! ¡Tilonorrinco! ¡Iris!"
|