Oficios artesanais: os canteiros
Unha das profesións máis estendidas por Galicia é a dos
canteiros,
"labradores da pedra da arte popular" e das
máis espléndidas e fermosas obras da arquitectura galega. Que o
canteiro exista en
todo o ámbito galego débese á abundancia de
granito, fundamento da paisaxe
galaica. Eles ennobreceron este oficio coa exuberante contribución artística
que a súa habilidade deixou na arquitectura á que impregnaron de grandiosa
magnificencia.
Os canteiros, un colectivo de
ancestral prestixio social, profesional e económico tal e como demostran os
privilexios reais de exención fiscal e protección da facenda outorgados
durante os séculos XII ó XIV ós mestres e oficiais da
catedral compostelá, a pensión vitalicia concedida por
Fernando II ó Mestre Mateo ou as abondosas doazóns e fundacións
dedicadas a estes artesáns nos séculos XIV e XV , dexenerou a mediados do XX
nunha situación de escasa autovaloración laboral (algúns canteiros
avergonzábanse de selo) e de peor retribución salarial (nos anos 60 e 70
cobraban menos ca un albanel, o que facía inviable a dedicación exclusiva).
A súa propia linguaxe: "Verba dos arxinas"
A estructura gremial desta profesión foi moi pechada no medievo, onde xorden
fenómenos caracterizados polo hermetismo, como a
masonería ou a súa propia linguaxe chamada dos "arxinas"
.A orixe da lingua ou "verba dos arxinas",
tamén chamado "latín dos canteiros" pola
imposibilidade de entende-los seus diálogos cando empregaban esta xerga, foi
explicada de distintas maneiras e por outros tantos estudiosos.
Mentres que algunhas teorías consideran que xurdiu do legado dos canteiros
de Cuntis e da Mahía, outras, coma a de Filgueira Valverde, explícano coma o
resultado, no século XVI, da chegada a Galicia de multitude de mestres e
oficiais foráneos, sobre todo cántabros e
biscaíños, e esa mestura laboral cos galegos provocou a xerga.
A súa funcionalidade é a comunicación exclusiva dos suxeitos do gremio de
canteiros en calquera tema laboral e vital, e en realidade, trátase máis ben
dun numeroso (os estudios chegaron a recompilar ata "5.000 termos de
vocabulario") compendio de substantivos e varios verbos que permiten a
súa articulación. Os canteiros de hoxe en día case non usan esta linguaxe e
só os máis vellos a lembran.
O médico e folclorista pontevedrés, Víctor Luís Quibén, realizou a
recompilación cuantitativamente máis numerosa de termos desta linguaxe,
ademais de varios textos coma oracións e un importante cancioneiro no que
destacan os "cantos de erguer", utilizados
durante as tarefas profesionais para axudar a ergue-las moles graníticas.
Co seu traballo os artesáns canteiros, están expresando o espírito do noso
pobo que necesitaba e necesita dos deseños que el crea a través dun diálogo
reflexivo coa forma, a función e a pedra que está transformando.
A Cantería Actual
Os descendentes destes traballadores herdaron por imitación a labra da pedra
ou senón asumían pola súa conta unha formación autodidacta. A cantería
actual conta con profesionais formados en técnicas de volume procedentes das
Escolas de Artes Aplicadas e Oficios Artísticos, algúns por transmisión
familiar e unha boa parte dos máis xoves pola Escola de Canteiros de Poio
(Pontevedra) que contribuíu a evita-la extinción do máis tradicional dos
oficios galegos
A mediados dos 90 apréciase cada vez máis unha preferencia polas
edificacións en pedra. Nas últimas tendencias arquitectónicas, en Galicia
prevalece o estilo tradicional, incitado por sectores como o turismo, que se
ruraliza e demanda a reconstrucción de antigos pazos e casas de aldea nos
seus materiais orixinais (pizarra, granito, madeira). O gusto polo
tradicional incide tamén nos encargos públicos e privados que reciben os
canteiros. A parte do necesario labor de restauración que se está levando a
cabo con gran parte do patrimonio monumental, os artesáns continúan na liña
máis popular da cantería galega:
cruceiros,
hórreos, lareiras
ou diversas tallas de inspiración relixiosa que recordan o forte vencello
entre o gremio e as obras de devoción católica.
A materia prima por excelencia segue sendo o granito nas súas distintas
variedades: silvestre -que é o máis
axeitado para tallas escultóricas pequenas pola irregularidade das súas
dimensións-, rosa Porriño -a soada e
representativa pedra pontevedresa que se emprega fundamentalmente en
construcción-, ou o negro
Campo Lameiro, que polas súas calidades cromáticas de seriedade
e elegancia é moi solicitado para monumentos e pezas funerarias.
Aínda que o
cruceiro
tiña en épocas pasadas un simbolismo marcadamente benefactor que indicaba o
camiño ou sinalaba un punto de importancia popular baixo o ícono máis
representativo da fe (a cruz), calquera canteiro que desempeñe o seu oficio
na actualidade sabe que este elemento constitúe un dos encargos máis
reiterados, para colocar como decoración en xardíns e casas particulares, o
cruceiro soe acompañar o
hórreo,
outro dos protagonistas da vida agraria galega. Neste, coa beizón de Deus e
os homes convertida en fetiches de fertilidade- a cruz e o falo a ambos os
dous lados da construcción-, o millo gardábase a salvo da chuvia e os ratos.
Hoxe, perdida a súa funcionalidade, o hórreo de cantería é unha valiosa peza
artística, as veces tan impresionante como o de Carnota (A Coruña). As
lareiras lembran no seu nome ós deuses primitivos do fogar (lares)
e a súa presencia non pode faltar nunha casa galega, a pesar de que agora
normalmente se substitúa por unha cheminea ou que,
nos tempos do microondas, para cociñar se prescinda do
pote. Outras pezas como os "petos
de ánimas"
ou os reloxos de sol, representan un aspecto da
cantería galega que pertence a épocas pasadas e que na actualidade non goza
das preferencias dos clientes.
A estructura da organización profesional dos actuais canteiros en Galicia está
caracterizada pola existencia de obradoiros individuais
e no mapa da Comunidade Autónoma, a provincia con máis número de artesáns da
pedra é, de sempre, Pontevedra, seguida de Lugo. A Coruña e Ourense dispoñen
dunha nómina menor.
Mónica Beatriz Suárez Groba
Bibliografía consultada: "galicia 2000: Cultura popular", Xunta de Galicia.
www.galespa.com.ar